Grazas por elixir Galicia: destino natural e sostible
A Asociación Galega de Turismo Rural en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia presenta esta nova iniciativa para potenciar o turismo na nosa comunidade como destino natural, sostible e respectuoso co entorno.
Amais servirá de instrumento para reactivar o sector turístico de Galicia logo da súa paralización durante o estado de alarma sanitario, así como promocionar roteiros e os produtos de proximidade e locais.
Santiago, 29 de setembro de 2020.
A Asociación Galega de Turismo Rural, AGATUR, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, presenta o proxecto “Grazas por elixir Galicia”, unha iniciativa que fomentará o turismo natural, sostible e respectuoso coa cultura e a xente da nosa comunidade. A merma que sufriu o sector turístico galego por mor da emerxencia sanitaria causada pola COVID-19 e a conseguinte declaración do estado de alarma, creou a necesidade de recuperar o turismo en Galicia, deste xeito nace o proxecto “Grazas por elixir Galicia”.
Unha idea que ten como obxecto, amais da reactivación da actividade turística, promocionar roteiros e produtos de proximidade, así como tamén crear unha sinerxia entre os colectivos implicados no turismo da comunidade. Isto é, segundo Juan Luís López Díaz, presidente de AGATUR “crear alianzas para cooperar no futuro para que os que nos visiten poidan descubrir os encantos máis descoñecidos de Galicia e os seus produtos naturais e de calidade”. Galicia un destino natural e sostible Descubrir a Galicia natural alonxada do turismo de masas, a súa gastronomía e achar os
seus atractivos ocultos son os eixos do proxecto “Grazas por elixir Galicia”, destinado a potenciar a oferta de turismo rural.
Con esta iniciativa todos os que se acheguen á nosa comunidade “poderán atopar a súa verdadeira esencia rodeada de natureza e un xeito diferente de facer turismo, sen aglomeracións e un turismo máis sostible e respectuosos coas xentes e a cultura dos lugares a visitar”, explica o presidente de AGATUR, “contando con guías turísticos profesionais que buscarán facer de cada visita unha experiencia única e que invite a repetir” engade López Díaz.
Os visitantes terán a oportunidade de coñecer e desfrutar de lugares, entre outros, como “o corazón do parque Natural das Fragas do Eume que permitirá percorrer o bosque de ribeira de tipo atlántico cunha rica biodiversidade animal e vexetal” destaca Juan Luís López, ou “mesturar natureza e cultura cunha ruta por Ponteceso e pola Ribeira do Río Anllóns, pasando pola casa natal de Eduardo Pondal” para aos que se acheguen ata a Costa da Morte. Tamén as principais vilas galegas que destacan pola súa historia, patrimonio e cultura como as Terras de Santiago (Padrón, Iria Flavia..), Lugo e a Terra Chá, Ourense e Allariz, sen esquecernos das rutas e visitas máis gastronómicas como as de Ribeira Sacra, Montaña Lucense ou da Ría de Arousa.
Descubrir Galicia
O proxecto “Grazas por elixir Galicia” destinado a potenciar a oferta de turismo rural engadindo novas propostas de valor para motivar alongar a estancia dos visitantes. Para alcanzar este obxectivo, formúlanse dúas liñas de actuación e AGASALLOS (bonos individuais que cada casa de turismo rural asignará a cada cliente maior de 12 anos):
“Descobre os xeodestinos de Galicia” e “Segredos das Vilas de Galicia”.
“Segredos das Vilas de Galicia” estará destinado a aquelas reservas individuais, de parellas ou familias, que, pernoitando máis dunha noite en calquera establecemento de turismo rural de Galicia, poderán recibir un AGASALLO PREMIUM para facer unha visita guiada nunha das sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), sempre dentro da mesma provincia.
“Descobre os xeodestinos de Galicia”, proponse para estancias mínimas de dúas noites e neste caso, tanto para reservas individuais, de parellas ou familias. Os visitantes poderán recibir un AGASALLO PREMIUM con actividades que realizarán guías de turismo, empresas de turismo activo, adegas turísticas, restaurantes, artesáns, museos e instalacións, etc.
Con estas liñas de actuación enmarcadas no proxecto, potenciarase a oferta de actividades nunha contorna próxima ao aloxamento, promocionando o produto local ou de proximidade, e as actividades desenvolveránse sempre dentro da provincia ou do Xeodestino correspondente. Para elo os Produtos Km0, Artesanía de Galicia, Indicacións Xeográficas Protexidas, Denominacións de Orixe, etc… son o vehículo transmisor das experiencias propostas e que, á súa vez, aprovéitase para a súa posta en valor, mellorando o seu coñecemento polo visitante, e fomentando o seu uso e consumo.
… Saúdos,
www.grazasporelixirgalicia.com
https://www.facebook.com/grazasporelixirgalicia @grazasporelixirgalicia
https://twitter.com/GrazasG @GrazasG
https://www.instagram.com/grazasporelixirgalicia/ grazasporelixirgalicia